15 de octubre de 2008

O LABIRINTO DE MOGOR



"Ulo o deseñador do labirinto / ei do ousado".
X. L. Méndez Ferrín.(" Mogor" en O fin dun canto)

Por qué sendo un motivo tan pouco frecuente na nosa arte, con só tres manifestacións segundo Vázquez Rozas ( Petroglifos de las Rías Baixas gallegas. Análisis estilístico de un arte prehistórico) ou cinco canónicos se temos que creer a Antonio Peña ( Prehistoria, castrexo e primeira romanización), deu orixe a unha literatura tan abundante e a tantas representacións gráficas?
Acaso se deba ao carácter universal do símbolo pois, aínda que tal vez teña significados diferentes en cada cultura, podemos atopalo en América, en Asia e espallado por Europa, sobre todo no Mediterráneo, de onde procede, case con toda seguridade, a nosa representación.
Esta hipótese vese reforzada pola ubicación costeira destes gravados ( o de Mogor é probablemente a manifestación da arte rupestre máis próxima ao mar) e, porque a complexidade do motivo, obriga a unha aprendizaxe previa e polo tanto a unha trasmisión. Con todo ,De la Peña ( opus cit) abre un novo campo de misterio sobre o labirinto pois afirma que os nosos son os de datación máis temperá de entre os coñecidos no mundo.
Cal é o significado do labirinto? Calos Silvar comenta que representa un movemento pendular imitando ao sol, que o sentido de" lugar onde un se pode perder" aparece máis tarde, na Grecia helenística pero que, en Galicia, dáse "umha relaçom com a minaria do estanho, com funçom de sinalar o caminho ás entranhas da terra".
Quizá a poesía teña mellor resposta cá ciencia e por iso acaso debamos concluír tamén con Méndez Ferrín e proclamar:
"Mogor, (es), insignia de ti mesmo"
O MORRAZO É ARTE. Textos de Manuel Aldao Portas e Salvador Castro Otero. Fotografía de Rafael Fariña Aboy.

0 Comentarios:

Publicar un comentario

 
Optimizado a 1024 X 768 de Resolución de Pantalla. Diseñado por Víctor V.Q. para Cuaderno de las Letras